martes, 20 de enero de 2015

A ampliación de capital do Dépor xa está en marcha. ‪#‎ÉTEU‬!


Con case 23.000 propietarios, o Dépor constitúe un caso único no fútbol español. O obxectivo é que sexan moitos máis ao final deste proceso de ampliación de capital, incorporando todos aqueles socios que non son accionistas e todos os deportivistas que, por motivos de residencia ou calquera outro, tampouco son abonados.

O Deportivo necesita recapitalizarse para reforzar os recursos propios e asegurar a súa continuidade. E debe logralo sen renunciar a ese modelo que fai a esta Sociedade Anónima tan especial, mantendo a propiedade repartida entre todos e cada un dos que se senten deportivistas.

O Dépor ten que seguir sendo o Dépor de todos os que posúen ese grande tesouro que os vincula para toda a vida, que os identifica como deportivistas para sempre: as accións do seu equipo.

Ábrese de novo a posibilidade de que os deportivistas poidan mostrarse orgullosos de seren os donos do destino dese sentimento que os une. Co comezo do ano 2015 púxose en marcha a ampliación de capital do Real Club Deportivo da Coruña S.A.D. A primeira fase está dirixida aos actuais accionistas do Club, aos 22.607 deportivistas e 282 empresas e agrupacións que avalan á sociedade e que son os donos do Dépor.

Até o 31 de maio todos eles poden exercer o seu dereito de subscrición preferente comprando, como máximo nesta fase, un número idéntico de accións ás que posúen actualmente. O prezo de subscrición de cada acción é de 60,10 €, importe coincidente co seu valor nominal.

As accións están á venda na Oficina de Atención ao Socio e Accionista do Deportivo. Alí pódese realizar o proceso completo de compra de xeito presencial. Tamén a distancia, realizando un ingreso/transferencia na conta corrente ES55 2080 0000 7630 4019 9039 e facendo constar o "NIF ou CIF + Nome + Ampliación de Capital RCD". Unha vez verificada a operación, os responsables de atención ao accionista poranse en contacto co titular das accións para completar o proceso.

Proximamente difundiranse tamén as características do convenio de financiamento que se subscribirá cunha relevante Entidade de Crédito para permitir aos Accionistas adiar a adquisición de paquetes entre 2 e 50 accións até un máximo de 12 meses sen xuros.

Para calquera información complementaria: accionistas@canaldeportivo.com

Podes descargar aquí o documento con todos os detalles da ampliación de capital do Real Club Deportivo da Coruña S.A.D.: http://goo.gl/WezoZC

No hay comentarios:

Publicar un comentario